O TRIÁNGULO INSCRITO NA CIRCUNFERENCIA - Víctor F. Freixanes
O Triángulo Inscrito na Circunferencia é a primeira novela de Víctor F. Freixanes, coa que se situou decontado entre as figuras máis sobranceiras da narrativa galega de fins do século XX. Reeditada agora en versión revisada polo autor, confirma o seu posto de obra clásica da narrativa galega contemporánea. Fresco intemporal en que as épocas se funden e confunden nun quimérico Mar dos Espellos, trátase dunha obra en que o real e o irreal, o tanxible e o imaxinado teñen a mesma forma aos ollos da xente con problemas moi palpables e prácticos, mais cuxa vida sempre está a abeirar o mítico e o fabuloso, como en certas obras literarias medievais. Polo seu alento narrativo e o pulo da súa imaxinación, O Triángulo inscrito na Circunferencia é unha das creacións máis singulares da novelística galega.