FEMINISMO PARA O 99% Un manifesto - Cinzia Arruzza, Tithi Bhattacharya, Nancy Fraser
O feminismo para o 99 % é anticapitalista e transnacional. Ante a actual crise política do capitalismo, convídanos á solidariedade con outros movementos radicais para actuarmos desde a nosa diversidade a fin de transformar a sociedade.
Cinzia Arruzza, Tithi Bhattacharya e Nancy Fraser son tres das promotoras da folga feminista de 2017 nos Estados Unidos. En 2018 escriben este manifesto no espírito dos milleiros de mobilizacións feministas. Manifestacións que reinventaron a folga ao faceren paros non só de traballo remunerado, senón tamén de traballo sociorreprodutivo non-remunerado visibilizando a opresión de xénero que o capitalismo exerce ao subordinar o traballo da reprodución social ao da produción de beneficios.
Esta edición galega publícase simultaneamente en 12 edicións distintas, incluída a orixinal inglesa. Unha obra que vai acompañada dun limiar da feminista e escritora María Reimóndez que nos axuda a situar as ideas deste movemento no contexto galego.