MAMÁ, QUERO SER ZIGGY STARDUST - Iria Misa
Aine contaba nove anos a primeira vez que viaxou cos seus pais de vacacións. Naqueles días, ademais de percorrer a cidade, visitaron unha exposición. Era sobre unha estrela de rock que mudaba de aspecto coma os camaleóns. Un arreguizo estraño percorreulle o corpo cando se fixou na roupa que vestía, pois non soubo se era de home ou de muller. Emocionouse ao ver que tiña o cabelo roxo, tan semellante ao seu. Escoitou aquela canción que falaba dun extraterrestre que só quería cantar e bailar e tivo unha revelación: Aine, de maior, sería igual que Ziggy Stardust, un músico marciano que podía ser todo o que lle dese a gana. Coa axuda de Thomas, o seu inseparable amigo imaxinario, íao lograr.