LA FLOR, A MI MADRE, POESÍA DISPERSA E TRADUCIÓNS - Rosalía de Castro
Despois de «Cantares gallegos» (1863), «Follas novas» (1880) e «En las orillas del Sar» (1884), esta entrega, que recolle o resto da produción poética de Rosalía de Castro, acaba por completar un conxunto lírico extraordinario que converte a autora nun referente contemporáneo da literatura europea. «La flor» (1857), «A mi madre» (1863) e o conxunto da súa poesía dispersa e traducións, entre o que hai verdadeiros tesouros poéticos, enriquecen e completan un proxecto de sólida envergadura e acaban de perfilar con sorprendentes achegas unha figura única e irrepetible das letras galegas e españolas. Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo, escritor e ensaísta, ademais dos seus estudos sobre Méndez Ferrín («A espiral no espello. Bretaña, Esmeraldina e o sistema literario galego»), vén centrando as súas investigacións no Rexurdimento (Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Fernández Morales) e nas súas orixes (o Padre Sarmiento). Esta edición crítica de «La flor, A mi madre, poesía dispersa e traducións» ofrece, ademais dun longo estudo introdutorio, un detallado repertorio de notas sobre os textos e pormenorizados comentarios de cada un dos poemas.