SABER DE NÓS - O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS - Henrique Monteagudo e Ramón Villares

https://ulalibrariasocial.com/web/image/product.template/1410/image_1920?unique=6f8059b
(0 reseña)

Detrás de Saber de nós hai vinte autores que asinan outros tantos artigos que se estruturan en dúas partes que parten de dous congresos realizados polo CCG en 2023, ano en que se conmemoraba o centenario da creación do Seminario. A primeira parte recolle os traballos sobre o propio seminario, mentres que na segunda faise unha análise sobre o seminario en comparación coas institución máis ou menos paralelas que xurdiron na Península nas primeiras décadas do século XX.

O Seminario e a súa importancia
“A denominación do Seminario de Estudos Galegos evocaba unha maneira nova de traballar desde a universidade que puña o acento no traballo colaborativo” explicou Henrique Monteagudo na presentación, sobre o monllo de estudos que conforman a primeira parte da obra. Non só supuxo esa mímese do que se introducira na reforma das universidades en Alemaña no século XIX que pretendía superar a educación memorística co modelo tradicional de lección maxistral promovendo o debate en grupos reducidos, dirixidos por un profesor co que o alumnado mantiña unha relación directa. O Seminario tiña tamén, en palabras de Monteagudo “Unha visión orgánica do país e foi tamén a primeira ver que se empregaba inequivocamente o galego”. No volume cóntase que o SEG foi o primeiro seminario que existiu en Galicia e o único por moito tempo. Ademais, tamén explica que a recuperación da forma tradición galego foi un xestos “emblemático do proceso de resignificación do idioma do país promovido polas Irmandades, que supuña a superación do paradigma lingüístico-cultural e político do rexionalismo”.

O novo espírito deste seminario foi estudado por Ramón Villares; o contexto histórico por Justo Beramendi, ao que lembraron no marco da presentación. Da relación do SEG coas institucións públicas do momento trata Alfonso Mato no seu artigo, mentres que Uxío-Breogán Diéguez abordou a súa conexión co nacionalismo galego. Xerardo Pereiro deitou a ollada sobre as identidades galegas a partir dos discursos do seminario; mentres que Óscar Penín Romero e Susana Reboreda Morillo poñen o acento no papel que desenvolveron na arqueoloxía galega. Francisco Díaz-Feirros analizou as ciencias no Seminario.

O volume dá conta da súa importancia que, malia a súa fraqueza económica foron os seus plans de traballo e a incesante difusión dos seus resultados os que foron lexitimando a súa actividade. Esas innovadoras actividades de extensión son as que analiza María Xesús Fortes Alén no seu estudo. Pilar García negro repara na visión política de Galicia no anteproxecto de Estatuto de Autonomía que elaboraron.

Sobre as novas entidades que acolleron o legado do Seminario (nomeadamente o Instituto de Estudos Gallegos Padre Sarmiento e o Museo do Pobo Galego) falaron Miguel Anxo Seixas Seoane, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés e María Xosé Fernández Cerviño. “Tivo unha vida breve, só trece anos, foi moi precario e non chegou a desenvolver todos os seus ámbitos” remarcou Monteagudo.

O Seminario en clave comparada
A segunda parte, da que se encargou Ramón Villares, pon en contexto o SEG con outras institucións de alta cultura que existiron na península. “Durou só trece anos, pero deixou un pouso ético na tradición e cultura galega” apuntou Villares que destacou a súa vinculación coa universidade, na que nace pero da que ten completa independencia. “Foi unha ruptura cultural porque mudou as formas de ensino e de investigar, que abandonaron o memorialismo e optaba por outros camiños”. Esta visión é a que analiza no seu artigo, que está acompañado do traballo doutros autores, encamiñados a detallar o devalar doutras institucións análogas. Borja de Riquer Permanyer afonda no Institut d’Estudis Catalans, creado en Barcelona en 1907. Da Eusko Ikaskuntza-Sociedad de Estudios Vascos, fundada en San Sebastián en 1918, fala Idoia Estornés Zubizarreta e Javier Moreno fai o estudo sobre o Centro de Estudios Históricos, que funcionou en Madrid, entre 1907 e 1939 e da Junta para Ampliación de Estudos. Da entidade fundada en Portugal, a Sociedade Martins Sarmento, dá conta Antonio Ferreira.

Trátase de máis de vinte traballos que abordan a traxectoria do Seminario de Estudos Galegos (SEG) tanto desde a súa produción científica e incardinación no ámbito galego da época, como da súa comparación con outras institucións de alta cultura de ámbito peninsular ou europeo. Na presentación, Henrique Monteagudo destacou a capacidade innovadora do SEG por introducir novos procesos de traballo e de relación na universidade menos xerárquicos, a "visión orgánica do país e o feito de que era a primeira vez que se empregaba inequivocamente o galego para o nome dunha institución". Por outra banda, Ramón Villares destacou a significación do SEG no seu momento e ata hoxe, como unha "ruptura xeneracional e cultural" e no alento internacional deste tipo de institucións. No volume participan investigadores coma o propio Ramón Villares, o finado Justo G. Beramendi, Alfonso Mato, Uxío-Breogán Diéguez, Xerardo Pereiro, Oscar Penín, Susana Reboreda ou Miguel Anxo Seixas, entre moitos outros. O volume pode descargarse de balde no web do CCG.

20,00 € 20.0 EUR 20,00 €

20,00 €

Non dispoñible para venda​

Esta combinación no existe.