MEMORIAS DUN EXGALEGO - Josiño Araújo
"Comecei a odiar a miña familia o día en que nacín". Así arrinca esta biografía de odio. Anxo, o seu narrador e protagonista, é a personificación do autoodio: despreza as súas orixes, a súa terra e a súa clase social. Odia a súa deforme nai, o seu fracasado pai, o seu beato irmán, a súa rancorosa avoa e o seu inútil único amigo. Odia o cheiro da súa vila mariñeira, odia os seus veciños pailáns e odia a súa rústica lingua. Cre que a vida lle ten preparado algo mellor que a mediocridade que o rodea, que a súa beleza e o seu intelecto merecen algo máis, polo que o seu único obxectivo é marchar e romper para sempre cos vínculos que o atan ao lugar e ás persoas que o viron nacer. Ninguén o deterá no seu camiño ao "éxito". Nesta novela acompañamos a Anxo na súa fuxida das orixes e asistimos abraiados e, en moitas ocasións, mortos de risa, ao seu fulgurante ascenso ao máis baixo. Vantaxista, disoluto, libertino e tamén ruín, perverso e depravado son algúns dos adxectivos que adornan este odiador que, de xeito descarnado e hilarante, nos narra a súa vida. En certos momentos quizais nos lembre, por razóns moi diversas, outros personaxes literarios como Ignatius J. Reilly de A conxura dos necios ou Adrián Solovio de Arredor de si. Unha novela picaresca que nos atrapará coa súa hábil construción de caracteres e co seu trepidante ritmo cinematográfico. Atención ao inesquecible final.