O SEGUNDO SEXO (Simone de Beauvoir)
Coa publicación desta segunda entrega d' O segundo sexo culmínase felizmente o proxecto de ofrecer en galego unha obra clave para entender o universo das mulleres e as coordenadas do feminismo, ao tempo que as nosas letras se enriquecen cun texto fundamental para a humanidade que xerou, despois de sesenta anos da súa aparición, unha rede de pensadoras e activistas que transcende xeracións, clases e países. Neste volume, «A experiencia vivida», Simone de Beauvoir analiza a situación de opresión que viven as mulleres na sociedade. Na primeira parte, «Formación», estuda a infancia, a adolescencia, a mocidade e a iniciación sexual; incorporando o lesbianismo. Continúa na segunda, «Situación», analizando varios aspectos da figura adulta femenina, como a muller casada, a nai, a vida social, a prostitución, a madurez e a vellez. Prosegue na terceira, «Xustificacións», abordando diferentes actitudes das mulleres, retratando á «narcisista», á «namorada» e á «mística». Finaliza, na derradeira parte da obra, «Cara á liberación», propoñendo no seu único capítulo, «A muller independente», as dúas vías que teñen as mulleres para saír da súa situación de opresión, sen obviar as dificultades que atoparán nesa loita: a independencia económica como presuposto de calquera otra emancipación legal, social ou xurídica e a loita das mulleres como colectivo consciente da súa opresión.